1 de agosto de 2017

FESTA NO CARBALLAL NA HONRA DE SANTA BÁRBARA


O sábado 29 de xullo, O Carballal vestiuse de festa para honrar a Santa Bárbara e recuperar unha celebración que había uns anos que xa non se celebraba. Os mozos do pobo, Óscar Sánchez e Marcos Pol, levaron o peso da organización, e O Carballal volcouse na preparación do que cada un entendeu que podía aportar. E así, ese día, o pobo lucía fermoso, máis aínda que normalmente, e unha alegría inmensa percorreu as súas rúas da mañá á noite. 






A xornada escomezou dun xeito tradicional coa Alborada a cargo do grupo Brabán Gaiteiros, do que Óscar forma parte como virtuoso gaiteiro. De porta en porta, percorreron o núcleo do Carballal mentres os veciños bailábamos ó son da música acompañándoos e nos convidábamos uns ós outros a doces, viño ou sidra. 

As seguintes fotografías mostran cada momento da Alborada, e teño que pedir desculpas á Casa de Roque porque non puiden grabar diante da súa porta por causas técnicas, pero alí estivemos disfrutando. 










































































Finalmente, e despois de moita música e bailes, a festa trasladouse á Capela de Santa Bárbara, onde asistimos a unha Misa solemne oficiada por Don Miguel, cunha emocionantísima interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia por parte de dous gaiteiros moi noviños que prometen formar parte do futuro da nosa música: Iago e Rodrigo. Tamén se fixo unha emocionante lembranza a Don Manuel. 


















Co corazón encollido pola emoción do momento e dos encontros con familiares e amigos, cada un celebrou o resto do día cos seus, xuntándonos novamente á tardiña. No meu caso, estiven na Casa Lemeso disfrutando da compañía e amizade de toda a familia e da visita de Juan de Vilar. Juan Vázquez, gaiteiro do Carballal, e Juan de Vilar, aproveitaron para vivir unha xuntanza de anécdotas e música como noutros tempos, e eu puden acompañalos nalgunhas pezas coa miña pandeireta, o que considero unha verdadeira e inesquecible honra.










Manolo Sánchez, ofreceu ós nenos unha divertida e didáctica oportunidade de montar nun carro e escoitalo cantar como antaño. 





Outros acercáronse ata o bar da festa, e todos disfrutamos da pancetada, da música do grupo de música tradicional Xarín, e máis tarde da verbena. 

O Carballal voltou a estar cheo de xente, de voces e música e todos agardamos vernos de novo o próximo ano. 

Se pinchades nas fotos podedes velas de seguido, e se clickades no enlace seguinte, poderedes ver o vídeo da Alborada polas rúas do Carballal e ós seus veciños, así como algúns actos destacados da Misa como a interpretación de Iago e Rodrigo:

VÍDEO DA FESTA NO CARBALLAL DO COUREL 2017


"O Courel non remata nunca..."




2 comentarios: